11 junio 2020

OS NOSOS BOSQUES

Ola chicos e chicas de Carrio!
Que tal vai a semana?

Hoxe imos falar sobre os nosos bosques!
En Galicia temos tesouros naturais a moreas! A min encántame ir de expedición e descubrir lugares máxicos.


Pois imos coñecer de cerca algúns deses bosques que temos en Galicia! 
Será xenial que poidades visitalos 
agora que ven o verán!
Pero lles imos poñer "nome e apelidos"!
Comezamos!

FRAGAS DO EUME

(PONTEDEUME- A CORUÑA)

Esta Fraga vos queda ben cerquiña, seguro que algunha vez fúchedes, senón é unha ocasión xenial para que vos leven!
Aquí me tedes coa vosa amiga Galilea ben pequena!


Dentro da propia fraga hai un mosteiro chamado Mosteiro de Caaveiro que podedes tamén visitar. Qué paz e tranquilidade para os monxes que o habitaron no seu momento, verdade?


Vos deixo unha meditación cun mantra "Radhe Bol" que posiblemente 
practicarían alí! 
Disfrutádea!



DEVESA DA ROGUEIRA
(O CAUREL- LUGO)

Para min a Devesa 10 por excelencia! É espectacular visitala en calquera época do ano pero eu aproveitaría para 

facelo no Outono, as cores das árbores 
son unha pasada!

Estade atentos e atentas que igual vedes ao Apalpador paseando preto do río Lor!

Este lugar é tan máxico que ata hai unha princesa que vive alí. 
Pero mirade o que lle pasa co seu anel!



CARBALLEIRA DE CALDAS DE REIS

(CALDAS DE REIS- PONTEVEDRA)

Unha carballeira está formada por un montón de carballos, que son as árbores que dan as landras.
Esta carballeira é fermosísima e está formada por máis de 200 carballos en fila con diferentes tamaños e 
formas ao lado do río Umia.



Para min este lugar é moi especial porque vivín nese pobo dous anos cando me mandaron como mestra definitiva para o colexio de Moraña!
AQUÍ me tedes!!

Alí coñecín a existencia dun artista chamado César Freiría, compoñente do grupo musical Cé Orquestra Pantasma. Teño unha axudanta neste caso para cantar unha das súas cancións! Esperamos que vos guste!



E finalmente chegamos aos SOUTOS!

SOUTO DE PARADA
(SAMOS- LUGO)

Un souto é un conxunto de castiñeiros, que son as árbores quen dan castañas.
Este souto está formado por árbores centenarias.

En Samos tamén hai un mosteiro moi antiguo e famoso, o mosteiro de Samos.
Por qué elexirían estes lugares tan afastados para construir os mosteiros? Eran moi listos estes monxes...alí atoparían a paz absoluta!

Pois en Samos había e segue habendo unhas construccións de pedra parecidas a  pequenas fortalezas, chamadas ALBARIZAS onde se gardaban as colmeas e se protexían dos animais salvaxes coma os osos. Mirade!




Pois espero que vos gustara repasar os tipos de bosques que temos na nosa comunidade e que vos leven a visitalos! 
Hai moitísimos máis, coñeces algún outro?
Cóntanos!!

Vos propoño que elixades qué tipo de bosque vos gusta máis e inventedes unha historia ou conto coa axuda da vosa familia, cos seguintes persoaxes:
- un ave
- unha árbore
- un mamífero
- un froito ou semente
- ti como protagonista

Podedes facer un debuxo ou un pequeno vídeo contando a historia!
Aí vai a miña!

"UN DÍA ESTANDO EU DE EXCURSIÓN APARECEU UN PAPORROIBO VOANDO E SE POUSOU NUN BIDUEIRO. COMO QUERÍA OBSERVALO, DECIDÍN ESCONDERME PERO DE SÚPETO CHEGOU UN RAPOSO E DIRIXÍNDOSE AO PAXARO LLE DIXO: "MIRA EUME, AQUÍ TES O MILLO PROMETIDO. XA ESTAMOS EN PAZ". E MARCHOU CORRENDO. QUÉ NEGOCIO TERÍAN ENTRE PATAS? 
FIN

Pois isto é todo por hoxe!

Lembrade visitar os demáis blogues do CRA. Hoxe especialmente o de English e Audición e Linguaxe por ser xoves, seguro que hai actividades ben entretidas!
Ata mañá!

No hay comentarios: